Os populares lamentan a actitude do Goberno local que “se acorda agora, despois de catro anos, de organizar charlas deste tipo, facendo contraprogramación as actividades organizadas polo PP”
O Partido Popular de Salceda de Caselas amosa, unha vez máis, a súa satisfacción ante o éxito que está a ter o programa de conferencias e charlas informativas organizadas dende o partido co obxectivo de tratar asuntos de actualidade de diversa índole, abertos á participación de todo aquel que queira asistir.
Máis dun cento de persoas acudiron ás dúas conferencias celebradas ata o de agora. A última, onte luns no centro A Devesa, estivo centrada no Sistema Galego de Atención á Dependencia, na que un profesional na materia expuxo a normativa vixente ao respecto, as diferentes axudas e a maneira de tramitalas, resolvendo tamén todas aquelas preguntas que xurdiron por parte do público asistente.
Por outra parte, o PP lamenta que esta súa iniciativa “pareza ser plaxiada polo Goberno local que agora, despois de catro anos, acordou facer tamén este tipo de conferencias”, explica Santiago Rodríguez Davila concelleiro e presidente do PP de Salceda de Caselas. Neste caso faise referencia á charla organizada, “casualmente tamén onte e á mesma hora”, polo concelleiro de Medio Ambiente sobre a Lei de Augas. “Un acto do que o público asistente saíu desconcertado e coas ideas máis confusas”.
A intención do PP é de celebrar unha conferencia cada mes, achegando aos veciños temas de interese xeral e que lles incumbe en maior ou menor medida, a maiores do resto de actividades organizadas dende o partido, como xa ben se comprometera Santiago Rodríguez Davila na súa toma de posesión como presidente dos populares salcedenses. Nesta liña, está previsto outro coloquio a celebrar durante o vindeiro mes de decembro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario