O Partido Popular de Salceda de Caselas traballa cada día co obxectivo de atender e cubrir as necesidades de todos os veciños. “A pesar de estarmos na oposición o noso grupo está a realizar diferentes xestións co fin de acadar unha Salceda mellor”, explica Santiago Rodríguez Davila, presidente e concelleiro do PP. “Cada día que pasa traballamos polo progreso e avance do noso municipio, todos os pasos que damos céntranse na mellora da calidade de vida de todos os cidadáns, respondendo ás súas demandas”, engade.
Deste xeito, dende o Partido Popular de Salceda de Caselas lembran que nestes últimos anos estase a realizar un proxecto construtivo para a vila e para todas as súas parroquias. Neste senso, Rodríguez Davila apunta, aludindo ao Goberno local, que “non só criticamos o que o Concello fai, senón que aportamos alternativas e propostas construtivas, velando sempre polo ben de todos, aínda que logo estas non se teñan en conta, facendo, como xa vén sendo habitual, oídos xordos”.
En xeral, “conseguimos investimentos importantes en materia de cultura, deporte e infraestruturas procedentes da Deputación de Pontevedra e somos conscientes tamén de que aínda nos queda moito máis por conseguir, por iso mesmo seguiremos facendo todo o posible para acadar o máximo para Salceda de Caselas e para os seus veciños”, conclúe Rodríguez Davila.