5/19/2010

O P.P. de salceda de Caselas critica a actitude do goberno local de rematar coa tradición popular da vila


Os populares instan aos dirixentes municipais a que continúen recibindo ás bandas de música os días de celebración das festas patronais das parroquias

Salceda de Caselas, 19 de maio de 2010.- O Partido Popular de Salceda de Caselas amosa o seu descontento ante a última actuación do Goberno local de rematar coa tradición do municipio. Os dirixentes municipais acordaron deixar de recibir ás bandas de música que actuán os días de festa nas diferentes parroquias. “Ata agora, e dende hai moitos anos, antes de tocar no lugar da festa, a banda de música achegábase á praza do Concello onde era recibida polo Goberno local e tamén polos comerciantes da vila”, explica o presidente do PP local, Santiago Rodríguez Davila. Trátase dunha mostra de agradecemento da comisión de festas cara á todos os veciños colaboradores coa celebración dos seus festexos, pola que o Concello convidaba aos membros da agrupación musical a uns entrantes. Neste sentido, dende o pasado domingo, conmemoración da Virxe dos Dores en Parderrubias e a Ascensión en Entenza, “o Goberno local rachou coa tradición popular da que ata entón, e estando na oposición, tanto alardeaba”, sinala Rodríguez Davila.
Dende o Partido Popular de Salceda de Caselas lamentan esta actitude dos dirixentes municipais “que mancha o gran traballo de todo un ano realizado por un grupo de veciños encargados de organizar unha festa patronal”. Por todo isto, os populares instan ao Goberno local a que continúe con esta tradición, unha mostra de agradecemento ao esforzo dun grupo de persoas que loitan e se esforzan por promover e levar por bo camiño a cultura e os costumes do municipio salcedense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario