Reducíronse as prazas de aparcamento, non se creou a zona de carga e descarga diante da fonte nin tampouco a zona verde prosposta polo PP, unha alternativa construtiva ante á cal o Bigoberno “fixo oídos xordos”
O Partido Popular de Salceda de Caselas non sae do seu asombro ante a demagoxia coa que actúa o Goberno local e os seus dirixentes. O Concello inaugura a reforma das tres rúas centrais (Avenida de Galicia, Joaquín Fernández Sestelo e Victoriano Pérez) e no seu comunicado non hai máis que informacións incorrectas e mentiras. “Ademais de facer as cousas sen contar coa opinión da oposición e dos diferentes colectivos veciñais e empresariais, fixo oídos xordos ás propostas construtivas prensentadas polo PP”, explica o concelleiro e presidente dos populares, Santiago Rodríguez Davila. Dende o Partido Popular remárcase que “sempre estivemos de acordo coa humanización da vila, pero dun xeito ordenado, no que convivan vehículos e peóns, evitando o caos circulatorio que é o que se producirá de aquí en diante ao impedir cruzar o centro”.
As modificacións ao proxecto presentado polo Goberno local centrábanse, sobre todo, na posibilidade de acceder ao centro da vila pola Avenida de Galicia, no aumento do número de prazas de aparcadoiro e na creación dunha zona verde, para unha maior rotación no aparcamento de vehículos e axilización do tráfico. “Cuestións ningunha delas executadas, ao igual que tampouco o soterramento dos colectores do lixo que nós tamén propoñíamos”, sinala Rodríguez Davila.
Respecto das prazas de aparcadoiro a situación é totalmente contraria, en vez de aumentar elimináronse “e non só cinco, senón un total de 20”. Ademais, tampouco se creou a zona de carga e descarga diante da fonte como se contemplaba na prosposta do PP.
En referencia á recuperación dun tramo de empedrado da antiga estrada Porriño-Salvaterra “agora dátano de 1940 e fai uns meses de 1900; xa non se trata de indicar o ano exacto senón do feito de mentir, dicindo primeiro unha cousa e logo outra, una situación que se da con moita frecuencia neste Bigoberno”, asegura o presidente do PP local.
Tamén se anunciou o cambio de toda a tubaxe do saneamento nas tres rúas “cando realmente só se mudou a da marxe dereita da rúa Fernández Sestelo”. E en canto ao abastecemento de auga só se cambiou na rúa Fernández Sestelo “e non nas outras dúas como así se dixo dende o Goberno”.
Por outra parte, “a limitación do tráfico pesado da que falan será dubidosa” pois moitos destes vehículos só teñen esta vía como única entrada á vila e acceso a outras zonas do arredor, “de xeito que seguirán atravesando o centro urbano porque non existe outra alternativa”. Nesta liña, Rodríguez Davila lembra que “antes de facer toda esta inversión, para a cal non consultaron con ninguén, a prioridade para a ordenación do tráfico en Salceda de Caselas estaba na construción dunha circunvalación real pola zona de A Pedra e A Ribeira”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario