10/29/2010

UN CENTO DE PERSOAS ACUDIRON Á CONFERENCIA SOBRE AXUDAS ÁS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS DE GALICIA ORGANIZADA POLO PARTIDO POPULAR DE SALCEDA DE CASELAS


  • A actividade enmárcase nun programa de coloquios nos que se tratarán temas de actualidade de diversa índole e de interese para os veciños. Antes de rematar o ano están previstas outras dúas charlas informativas, unha sobre a lei de dependencia e outra centrada na fusión das caixas galegas

O Partido Popular de Salceda de Caselas está a organizar un programa de conferencias e charlas informativas co obxectivo de tratar asuntos de actualidade de diversa índole, abertos á participación de todo aquel que queira asistir.

Deste xeito, o pasado luns, 25 de outubro, celebrouse a primeira das conferencias, que contou cunha afluencia masiva de público, centrada nas axudas ás explotacións agrarias da Comunidade Autónoma de Galicia xestionadas polos Servizos de Explotacións Agrarias e Oficinas Agrarias Comarcais da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O Centro Social da Devesa acolleu a preto de cen persoas que se deron cita para escoitar as explicacións dun experto na materia, aportando os seus coñecementos e resolvendo todo tipo de dúbidas formuladas.

A intención do PP é de celebrar unha conferencia cada mes, achegando aos veciños temas de interese xeral e que lles incumbe en maior ou menor medida, a maiores do resto de actividades organizadas dende o partido, como xa ben se comprometera Santiago Rodríguez Davila na súa toma de posesión como presidente dos populares salcedenses. Polo de agora, están previstos outros dos coloquios ata finais de ano, un no mes de novembro sobre a lei de dependencia e outro en decembro centrado en na análise da situación económica actual facendo especial fincapé na fusión das caixas galegas.

10/21/2010

O PP DE SALCEDA DE CASELAS FAI UN BALANCE NEGATIVO DO RESULTADO FINAL E TILDA AO GOBERNO LOCAL DE DEMAGÓXICO


  • Reducíronse as prazas de aparcamento, non se creou a zona de carga e descarga diante da fonte nin tampouco a zona verde prosposta polo PP, unha alternativa construtiva ante á cal o Bigoberno “fixo oídos xordos”

O Partido Popular de Salceda de Caselas non sae do seu asombro ante a demagoxia coa que actúa o Goberno local e os seus dirixentes. O Concello inaugura a reforma das tres rúas centrais (Avenida de Galicia, Joaquín Fernández Sestelo e Victoriano Pérez) e no seu comunicado non hai máis que informacións incorrectas e mentiras. “Ademais de facer as cousas sen contar coa opinión da oposición e dos diferentes colectivos veciñais e empresariais, fixo oídos xordos ás propostas construtivas prensentadas polo PP”, explica o concelleiro e presidente dos populares, Santiago Rodríguez Davila. Dende o Partido Popular remárcase que “sempre estivemos de acordo coa humanización da vila, pero dun xeito ordenado, no que convivan vehículos e peóns, evitando o caos circulatorio que é o que se producirá de aquí en diante ao impedir cruzar o centro”.

As modificacións ao proxecto presentado polo Goberno local centrábanse, sobre todo, na posibilidade de acceder ao centro da vila pola Avenida de Galicia, no aumento do número de prazas de aparcadoiro e na creación dunha zona verde, para unha maior rotación no aparcamento de vehículos e axilización do tráfico. “Cuestións ningunha delas executadas, ao igual que tampouco o soterramento dos colectores do lixo que nós tamén propoñíamos”, sinala Rodríguez Davila.

Respecto das prazas de aparcadoiro a situación é totalmente contraria, en vez de aumentar elimináronse “e non só cinco, senón un total de 20”. Ademais, tampouco se creou a zona de carga e descarga diante da fonte como se contemplaba na prosposta do PP.

En referencia á recuperación dun tramo de empedrado da antiga estrada Porriño-Salvaterra “agora dátano de 1940 e fai uns meses de 1900; xa non se trata de indicar o ano exacto senón do feito de mentir, dicindo primeiro unha cousa e logo outra, una situación que se da con moita frecuencia neste Bigoberno”, asegura o presidente do PP local.

Tamén se anunciou o cambio de toda a tubaxe do saneamento nas tres rúas “cando realmente só se mudou a da marxe dereita da rúa Fernández Sestelo”. E en canto ao abastecemento de auga só se cambiou na rúa Fernández Sestelo “e non nas outras dúas como así se dixo dende o Goberno”.

Por outra parte, “a limitación do tráfico pesado da que falan será dubidosa” pois moitos destes vehículos só teñen esta vía como única entrada á vila e acceso a outras zonas do arredor, “de xeito que seguirán atravesando o centro urbano porque non existe outra alternativa”. Nesta liña, Rodríguez Davila lembra que “antes de facer toda esta inversión, para a cal non consultaron con ninguén, a prioridade para a ordenación do tráfico en Salceda de Caselas estaba na construción dunha circunvalación real pola zona de A Pedra e A Ribeira”.

10/20/2010

CONFERENCIA SOBRE AXUDAS,ACONSELLAMENTO E IMPLANTACIÓN PARA AS EXPLOTACIÓNS AGRARIAS






  • Impartida por un técnico na materia, a conferencia celebrarase este luns, ás 20.30 horas no Centro Social da Devesa

  • A actividade enmárcase nun programa de coloquios nos que se tratarán temas de actualidade de diversa índole e de interese para os veciños. Antes de rematar o ano están previstas outras dúas charlas informativas, unha sobre a lei de dependencia e outra centrada na fusión das caixas galegas


O Partido Popular de Salceda de Caselas está a organizar un programa de conferencias e charlas informativas co obxectivo de tratar asuntos de actualidade de diversa índole, abertos á participación de todo aquel que queira asistir.

Deste xeito, o vindeiro luns, 25 de outubro, celebrarase a primeira das conferencias centrada nas axudas ás explotacións agrarias da Comunidade Autónoma de Galicia xestionadas polos Servizos de Explotacións Agrarias e Oficinas Agrarias Comarcais da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. O coloquio que será dirixido por un técnico experto na materia dará comezo ás 20.30 horas no Centro Social da Devesa.

A intención do PP é de celebrar unha conferencia cada mes, achegando aos veciños temas de interese xeral e que lles incumbe en maior ou menor medida, a maiores do resto de actividades organizadas dende o partido, como xa ben se comprometera Santiago Rodríguez Davila na súa toma de posesión como presidente dos populares salcedenses. Polo de agora, están previstos outros dos coloquios ata finais de ano, un no mes de novembro sobre a lei de dependencia e outro en decembro centrado en na análise da situación económica actual facendo especial fincapé na fusión das caixas galegas.

10/14/2010

O PARTIDO POPULAR DE SALCEDA DE CASELAS PEREGRINA A SANTIAGO DE COMPOSTELA





  • Os populares organizaron unha marcha a pé con motivo do Ano Santo que saiu de Sarria o pasado sábado, chegando á capital galega onte, día da Hispanidade

  • A experiencia foi tan positivia para os máis de 50 participantes que xa se está a programar a realización de dúas etapas máis, dende o Cebreiro ata Sarria, para completar o camiño francés ao seu paso por Galicia

Salceda de Caselas, 13 de outubro de 2010.- Primeiro foi á Franqueira e agora, con motivo do Ano Santo, o Partido Popular de Salceda de Caselas organizou unha peregrinaxe a Santiago de Compostela. Foron un total de 53 persoas as que, a primeira hora do pasado sábado, saíron a pé dende a localidade lucense de Sarria camiño da capital galega.

A primeira etapa levounos ata Portomarín; o domingo a ruta continuou ata Melide, sendo esta a etapa máis longa con 40 kilómetros de percorrido; o luns proseguiron o camiño ata a localidade de Pedrouzo, no concello de O Pino e, finalmente, o martes 12, día da Hispanidade e festividade do Pilar os peregrinos salcedenses chegaron a Santiago de Compostela.

A experiencia foi tan positiva para todos que dende o PP xa se está a organizar a realización das outras dúas etapas que faltan para completar o camiño francés en terras galegas. Será un sábado e un domingo do mes de novembro cando percorran a distancia entre o Cebreiro e Sarria.

10/13/2010

O PARTIDO POPULAR DE SALCEDA DE CASELAS insta ao goberno local ao arranxo do alumeado público nalgunhas parroquias


  • Despois de que se roubara cable de cobre fai máis dun mes, dende o Concello non se fixo nada por substituír o material roubado provocando que centos de veciños se queden sen un servicio de vital necesidade


Salceda de Caselas, 8 de outubro de 2010.- O Partido Popular de Salceda de Caselas denuncia a actuación de deixadez do Goberno local respecto da falla de alumeado público nalgunhas parroquias, a causa do roubo do cableado. Dende o PP consideran que se está excedendo a situación, “fai xa máis dun mes que centos de veciños están a padecer a carencia deste servizo e os dirixentes municipais non están a levar ningún tipo de actuación para remedialo”, explica Santiago Rodríguez Davila concelleiro e presidente do Partido Popular de Salceda de Caselas.

Os populares comprenden que un incidente como este “non se resolve dun día para outro e hai que dar un marxe para elo”, pero a día de hoxe ese límite xa se sobrepasou e en diversos lugares das parroquias de Parderrubias, Budiño e Entenza non hai alumeado público e por parte do Goberno local non se percibe que a situación cambie, “pois non se observa ningunha actuación ao respecto”. Por este motivo, dende PP instan ao Goberno local ao arranxo do alumeado público neses puntos.