A proposta consiste na eliminación dunha beirarrúa, mantendo outra paralela, para que os conductores teñan unha maior visibilidade á hora de incorporarse a estrada. O estacionamento de vehículos reorganizaríase nun só lateral en batería e gañando en número de prazas
Salceda de Caselas, 29 de xuño de 2010.- No seu labor de velar polo bo funcionamento da vila, o Partido Popular de Salceda de Caselas continúa elaborando propostas, a pesar dos “oídos xordos do Goberno local, que adopta sempre unha actitude negativa ante calquera das nosas opcións alternativas e construtivas”, explica o presidente do PP local, Santiago Rodríguez Davila, facendo referencia ao inapropiado comportamento amosado por nacionalistas e socialistas no último pleno extraordinario de cara ao grupo municipal do Partido Popular durante a presentación das posibles alternativas ao proxecto de humanización, “sempre co obxectivo de facilitar o desenvolvemento da vida diaria a todos os nosos veciños e visitantes”, puntualiza Rodríguez Davila. Unhas propostas que, neste caso, contaban co apoio de comerciantes e veciños.
Nesta ocasión, o PP local presenta unha solución ao caos, e incluso perigo, circulatorio na saída da rúa Vigo. A consecuencia das obras de humanización e posterior establecemento dun único sentido de circulación na avenida de Galicia, a rúa Vigo está a soportar un maior tráfico conxestionándose a saída deste vial cara á rúa Joaquín Fernández Sestelo, “punto no que precisamente a visibilidade para incorporarse á estrada en dirección Parderrubias é mínima dado aos vehículos estacionados na zona”. Neste sentido, dende o Partido Popular de Salceda de Caselas proponse eliminar a beirarrúa de Joaquín Fernández Sestelo, suprimindo así tamén a posibilidade de aparcar nese lateral para aumentar a visibilidade dos conductores. Por outra parte, nunca se perderían prazas de estacionamento xa que na outra beirrarúa paralela, que se mantería activa, disporíanse os vehículos en batería, e non en liña como actualmente, gañando incluso máis espacio para aparcar; ademais, de cara ao futuro poderíase prever a construción dunha rotonda para maior facilidade e reordenación completa da plaza. “Trátase pois da mellor opción para axilizar o tráfico e acadar unha maior seguridade vial da cal se beneficiarán todos os salcedenses e visitantes do noso municipio”, indica o presidente dos populares. Por todo elo, o PP presentará unha moción no vindeiro pleno ordinario reivindicando a execución e posta en marcha desta súa proposta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario