2/16/2011
2/14/2011
NOVAS XERACIÓNS DE SALCEDA DE CASELAS ORGANIZA UNHA VIAXE Á NEVE
Os mozos do Partido Popular de Salceda de Caselas non deixan de organizar eventos e actividades para promover e fomentar a cultura e o deporte. Primeiro foi un campamento de verán, logo a peregrinación ao Santuario da Franqueira e a Santiago de Compostela e agora, Novas Xeracións do PP de Salceda de Caselas organiza para os máis mozos do municipio unha viaxe á neve. Trátase dunha excursión á estación leonesa de San Isidro a fin de semana dos días 19 e 20 de marzo.
As prazas son limitadas, polo que todas aquelas persoas interesadas en participar desta actividade de práctica do esquí deben poñerse en contacto cos membros do partido canto antes, ben mediante os teléfonos 606 859 285 ou 670 877 470, ben escribindo un correo electrónico ao enderezo novasxeraciónsalceda@gmail.com. A viaxe ten un custo de 100 euros.
2/10/2011
O PARTIDO POPULAR DE SALCEDA DE CASELAS CELEBRA O DÍA DOS NAMORADOS CUNHA FESTA NO CENTRO SOCIAL DA DEVESA
A cita será o vindeiro domingo, 13 de febreiro, a partir das 18.00 horas. Haberá música, sorteos e chocolate para todos os asistentes
O Centro Social da Devesa será o escenario, a partir das 18.00 horas, deste festexo. A entrada é de balde.
A SEDE DO PP DE SALCEDA DE CASELAS ACOLLE A VISITA DE JOSÉ JUAN DURÁN
O secretario de Organización do PP Provincial de Pontevedra puido comprobar de primeira man a posta en marcha das diferentes liñas de traballo que están a levar a cabo os populares salcedenses de cara ás eleccións do 22 de maio
Os populares salcedenses están xa a traballar de cara ás vindeiras eleccións municipais do 22 de maio, trazando as diferentes liñas de traballo a seguir sempre en beneficio do municipio e dos seus veciños, con propostas construtivas e produtivas para todos. Santiago Rodríguez Davila, presentado oficialmente candidato á Alcaldía o pasado sábado, encabeza, como el ben define, “un gran equipo, forte e unido, no que se une xuventude, formación, experiencia e compromiso co pobo salcedense”. Un compromiso, traballo e esforzo que o propio José Juan Durán puido comprobar de primeira man nesta reunión ordinaria, unha das moitas celebrada polo PP local na que se analiza e debate respecto da situación actual do municipio, formulando melloras, alternativas ou novas propostas.
2/06/2011
SANTIAGO RODRÍGUEZ DAVILA APOSTA POR UN GOBERNO AUSTERO, PLANIFICADO, COMPROMETIDO E PRÓXIMO AOS VECIÑOS DE SALCEDA DE CASELAS
· O Partido Popular avogou polo cambio, “deixando atrás catro anos de parálises e rachando cos bipartitos”
· O alcaldable salcedense pediu “sacrificio, humildade e respecto”, comprometendo, entre outros proxectos, a realización dun estudio de viabilidade para a construción dun aparcamento subterráneo na contorna da Praza da Devesa
O Partido Popular de Salceda de Caselas vén de presentar na noite de onte ao seu candidato á Alcaldía nos vindeiros comicios electorais de maio de 2011. Arroupado por centos de militantes e simpatizantes, de diversos persoeiros do partido a nivel comarcal e rexional, destacando a presenza do secretario xeral do PP de Galicia, Alfonso Rueda e do presidente do PP Provincial de Pontevedra, Rafael Louzán, Santiago Rodríguez Davila, actual concelleiro e presidente do PP local foi presentado como o mellor candidato á Alcaldía e o próximo alcalde de Salceda de Caselas.
“Austero, planificado, comprometido e próximo aos veciños”, así definiu Rodríguez Davila o futuro Goberno local, “respectando a todos por igual sen ter en conta a súa opción política”, engadía. Nesta liña, o candidato pedía a todos os alí presentes “sacrificio, para conseguir un goberno que nos represente a todos, humildade e, sobre todo, respecto”.
Os populares definiron os catro anos de bipartito como catro anos perdidos, “arrasaron con todo o feito, subíronse os soldos e ignoraron as propostas do PP con actitude prepotente”. Rodríguez Davila explicou que o que fixeron nacionalistas e socialistas no municipio de Salceda de Caselas foi distribuír fondos procedentes de plans xerados por outras administracións, “sen molestárense eles nunca por facer ningún tipo de xestión nin negociacións”; gastar sen control algún, “de aí a factura de 500 euros do teléfono móbil do alcalde tan só en mensaxes de texto” e non cumprir co prometido, como é o caso do centro de saúde, “o maior engano aos veciños, pois os terreos aínda non están en poder da Xunta e previamente o Concello aínda ten que urbanizar a parcela, polo que tardaremos uns anos en ver realidade este proxecto electoral tan prometido polos nacionalistas”.
Para todo elo, de cara á celebración dos comicios do 22 de maio o candidato á Alcaldía estará arroupado por “un gran equipo, forte e unido”, no que se une xuventude, formación, experiencia e compromiso co pobo salcedense. “Porque xuntos é posible, e co apoio de todos vós, en Salceda de Caselas volverá a gobernar o Partido Popular”, concluía Rodríguez Davila.