8/04/2010

Roberto Varela inaugura a ‘Semana Musical de Salceda de Caselas’

O Conselleiro saúda o Presidente do Partido Popular de Salceda de Caselas

Salceda de Caselas (Pontevedra), 3 de agosto de 2010.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, inaugurou este serán o VI Curso Internacional ‘Semana Musical de Salceda de Caselas’ enmarcado dentro da programación do Xacobeo 2010 e no que se “combina á perfección a parte didáctica coa propia música en directo, e representa unha excelente achega á cultura galega, que está de festa neste Ano Santo 2010”. O acto inaugural contou coa presenza do presídente da Asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, Leonardo Fernández Sestela.

Segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, o VI Curso Internacional representa unha oportunidade “de presentarnos, de presentar a Salceda de Caselas, a Pontevedra e a Galicia, de amosar a nosa singularidade cultural como pobo, o noso patrimonio e as nosas ideas para difundir a nosa cultura dun xeito amplo”. Para Roberto Varela, o “formato de clases e concertos supón unha dobre oportunidade de gozar e completar a nosa formación”.

O conselleiro de Cultura lembrou na súa intervención que “desde o ano 2005 reúnense en Salceda de Caselas estudantes e profesionais da música de multitude de países” e, ao fío desta idea, recordou que “a oportunidade de coñecer a forma de traballar na música noutras culturas é tan importante como o propio achegamento a esoutras culturas”.

Roberto Varela destacou asemade do VI Curso Internacional ‘Semana Musical de Salceda de Caselas’ “o factor do intercambio humano e do achegamento cultural” e apuntou que “o futuro das nosas industrias culturais e da propia cultura está intimamente ligado á aprendizaxe e ao intercambio cultural”.

Profesores e concertos
O curso 2010 celebrarase do 3 ao 7 de agosto e contará como mestres con Yehuda Gilad, profesor de clarinete na Colburn e na Universidade sur de California; Ole Edvard Antonsen (Noruega), considerado un dos trompetas mais destacados a nivel mundial; Hakan Bjorkman, trombón principal da Orquestra da Ópera Real de Estocolmo; Shmuel Hershko, tuba principal da Israel Philharmonic Orchestra e o grupo invitado de instrumentos de metal de Austria, ProBrass.

Deste grupo de profesores do VI Curso Internacional ‘Semana Musical de Salceda de Caselas sairán tamén os concertos de ProBrass, o 3 de agosto; Samuel Hershko (tuba), o 4 de agosto; Hakan Bjorkman (trombón), o 5 de agosto; Ole Edgard Antonsen (trompeta) o 6 de agosto e o 7 de agosto terá lugar a clausura do curso con recitais de grupos formados polos alumnos e o concerto de Luar na Lubre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario